19/11/07

Da Chavasqueira ao Roupeiro




Unha senlleira representación do club desprazouse o pasado domingo, 18 de novembro, ata Ourense.
Domingo soleado e xélido. Ás 10.00 horas había –3.5 graos. Que era prudente facer?...

As termas da Chavasqueira son un conxunto de pozas de auga quente natural á beira de río Miño. Forman un pequeno remanso de paz no medio dun ambiente competitivo provocado pola carreira popular de San Martiño. ¿A quen lle pode interesar participar nesa proba cunha temperatura por baixo dos cero graos cando na Chavasqueira estábase coma nun paraíso? Contrastes de temperaturas: auga quente, auga fría; augua quente, baño no Miño. ¡FANTÁSTICO!

Ademais estas termas contan cunha fauna peculiar: as donas do lugar (experimentadas señoras, ¿tal vez viuvas?) que dominan todos tipo de situacións e que non perden detalle das actitudes e dos comportamentos de persoas alleas (¡que gañas tiñan en coñecer completamente o corpo espido de Blas!, ¡como a envexa lles incitou a criticar o corpo espido de Pili!)

E para xantar... Ourense. O restaurante O Roupeiro é un local de visita obrigada (desde Carlos Casares a Moncho Borrajo teñen agradecido as horas alí pasadas). Non é posible superar o seu cocido, nin en calidade nin en abundancia.
E, con perdón do Comensal Austero, o seu leite frito e as cañas recheas de cremas son deliciosas (alguén tivo que rematar forzadamente as que ían quedando pola mesa) Rematouse o xantar con licor café, augardente de herbas, cafés e gotas (ou chorros ¿eh Pili?). E como sempre, e para dar a nota, alguén tivo que tomar unha bebida dixestiva (¿?) que, nesta ocasión non foi menta con anís, senón algo máis forte.