19/7/09

Visitamos santo André de Hío


Coa escusa de asistir ao concerto de KEANE en Vigo (crónica na Voz) e mentres varios membros do club estaban concentrados preparando o triatlón de Oleiros, a sección golfa da Panadería d´Osedo pasou a fin de semana en Vigo e arredores. Como todo non ía ser música e gin tonics, achegámonos ata Cangas para admirar a ría de Aldán, o cabo Home e o castro e santuario galaico romano de Borebreus.

O conxunto parroquial de santo André de Hío está situado na incomparable ría de Aldán, na vertente noroeste da pontevedresa península do Morrazo. Este conxunto está formado pola igrexa, o cruceiro e a casa reitoral. É un conxunto impresionante nun contorno de beleza impactante.

Dos tres elementos, o máis salientable é o teatral e barroco cruceiro. Labrado en 1872, e practicamente todo nun único bloque de granito, o seu autor foi, probablemente, Xosé Cerviño Cerviño, coñecido como Pepe da Pena aínda que tamén hai quen afirma que en realidade foi Ignacio Cerviño Quinteiro. Ubicado sobre unha escaleira de tres chanzos octogonais, representa os momentos máis salientables, desde unha visión cristiá da vida, do home: da creación á redención pola morte de Cristo.

Na parte superior está representado o descravamento da cruz de Cristo por Xosé de Arimatea e Nicodemo que levan o corpo ata san Xoán, a Virxe e María Magdalena. Esta escena, o Calvario, está representada sobre unha ménsula, a xeito de monte, que se apoia en catro anxos.

Continuando o descenso polo circular fuste vemos un arcanxo pisando unha serpente e outro arcanxo recollendo a un neniño. Debaixo a Virxe tamén pisando a outro animal que representa ao demo E, finalmente, Adán e Eva que tras ser expulsados do paraíso, cobren os seus sexos.

A basa ábrese polos catro lados representando ás ánimas do purgatorio, a Cristo resucitado, a Adán e a Eva.



Máis información na wikipedia.



Pola súa banda, a igrexa de santo Andrés amosa varios estilo arquitectónicos, correspondentes a distintos momentos da súa edificación ou reforma. Ten unha estrutura románica de planta de cruz latina, potentes contrafortes, entrada con porta abucinada con arquivoltas de medio punto, capiteis de decoración vexetal, tímpano co anagrama de Cristo e interesante colección de canzorros baixo a cornixa. No interior, a cuberta de bóvedas gótica de aresta e casetóns barrocos sobre a capela maior e o cruceiro. Conta cun espléndido reloxio solar. É a única igrexa de Galicia que ten unha representación feminina do demo (unha dema)

A vivenda do párroco é un conxunto habitacional típico dos pazos rurais galegos: vivenda, pombal, fonte... Espectacular.



9/7/09

O deporte en Milennium 3


Na terceira novela de Stieg Larsson, La reina en el palacio de las corriente de aires, unha nova personaxe, a atlética policía Monica Figuerola, fállalle deste xeito ao protagonista Mikael Blomkvist, sobre o deporte:

"Si hago ejercicio es porque me resulta placentero. Es un fenómeno normal entre los que nos entrenamos mucho. El cuerpo desarrolla una sustancia analgésica que te crea adicción. Al cabo de un tiempo te produce síndrome de abstinencia si no sales a correr todos los días. Es un subidón enorme de bienestar darlo absolutamente todo. Casi tan bueno como el sexo."


Stieg Larsson. La reina en el palacio de las corriente de aires. Barcelona, Destino, 2009. 498.

6/7/09

Gómez Noya volve reinar en Europa

O ferrolán recuperou o trono continental ao imporse con autoridade ao británico Brownlee en Holanda.

Javier Gómez Noya recuperou o seu cetro continental. O galego, campión no 2007 en Copenhague, asinou onte o seu segundo triunfo no Campionato de Europa. Superou en Holten, Holanda, ao gran valor emerxente do tríatlon mundial, o británico Alistair Brownlee, cun ritmo demoledor nos últimos quilómetros de carreira. Con este resultado, Gómez Noya volveu todo o máis alto dun podio internacional logo dun ano e encara como líder a recta final das series do Mundial. Tras o seu terceiro posto en Madrid e a súa segunda praza en Wáshington, este é o seu regreso oficial á cima.

Esta vez non houbo unha telaraña táctica, como a deseñada polos franceses no Europeo de Lisboa. Gómez Noya saíu da auga nas primeiras posicións tras asinar 1.500 metros de natación no Lago Domelaar. No segmento ciclista meteuse na escapada boa xunto aos rusos Polyansky, Vasiliev e Malyshev, os británicos Brownlee e Graves, e o francés Belaubre. Os sete fuxidos colaboraron e alcanzaron con vantaxe a segunda transición.

Exhibición na carreira

Na carreira, Gómez Noya asinou unha das súas exhibicións. Él e Brownlee quedaron sos. Nos dous últimos duelos protagonizados polos dous deportistas, en Madrid e Wáshington, o británico conseguira deixar atrás ao español e onte tamén foi o primeiro en atacar, aínda que sen éxito. Nesta ocasión os papeis investíronse. A falta de tres quilómetros para a meta, na última subida, o galego acelerou o ritmo e deixou atrás ao seu gran rival. O campión completou os 10.000 metros en 31 minutos e no cómputo total da proba avantaxou ao segundo clasificado en 27 segundos. Grazas á súa superioridade saboreou unha ansiada vitoria. Tivo tempo de chocar a súa man cos afeccionados na recta final.

Gómez Noya, tras superar unha etapa marcada polos problemas físicos, ostenta a dobre coroa do tríatlon. é o novo rei europeo e o vixente campión mundial logo do seu triunfo do 2008 en Vancouver. Afrontará a súa próxima cita deportiva esta mesma semana en Kitzbuhel, Austria, onde se disputará o domingo a cuarta proba das series do Campionato do Mundo. E farao co obxectivo de que o seu gran palmarés siga engordando.

Texto vía La Voz de Galicia.