21/6/11

Arde Lucus 2011: Días de gloria

Como é de ben-nacidos seren agradecidos, este club, cada día menos atlético e cada día máis festeiro, tivo a ben aceptar a invitación, realizada en Valladolid, de Fernando e Mercedes, para pasar o Arde Lucus 2011 no seu lar de Santa Mariña. Fin de semana intenso e histórico.

Partimos de Montrove o sábado pola mañá para dirixirnos ás posesións do nosos anfitrións. A súa perfecta organización permitiunos nun tempo de atletas tomar posesión dos nosos apousentos e, sobre todo, das nosas vestimentas: desde centurión a senadores, de castrexos a unhas espectaculares romanas. O fin de semana prometía: Lucus Augusti agardaba por nós, a residencia do fin de semana era magnífica, e a parella de autóctonos parecía disposta, coa súa xenerosidade e a súa permanente preocupación, a que todo saía mellor que as expectativas máis esixentes.

Velaí unha mostra da marabillosa selección de vestiario realizada por Mercedes, complementos femininos incluídos:




Xa camuflados como lugareños, dirixímonos a percorrer a rúa dos viños de Lucus (cantas veces teremos pasado pola rúa da Cruz?), para agradecerlle ao deus Baco que tivera a ben agasallar aos “incultos galicrecos (Estrabón dixit) cos froitos das uvas. As rúas estaban ateigadas de xentes con vestimentas de hai dous mil anos. Os homes semellaban especialmente encantados por levar unha gran ventilación entre as pernas (que listos eran estes castrexos e estes romanos…) Xantamos de forma contundente e tradicional no Kotá, onde demos conta de callos, carnes de diversos xeitos preparadas, sobremesas, viños e licores. Estivemos estupendamente tratados agás Fernando quen deixou mostras do seu pouco encanto cunha das autóctonas encargadas de darnos servizo.


Tras o xantar e o paseo polo cardo e o decumano, contemplamos o inicio oficial da festa coa cerimonia do lume. Logo, fomos gozar do espectáculo circense: carreiras de cuadrigas, probas de habilidade con armas e cabalos, loitas de gladiadores (pouco faltou para que o noso centurión baixase á area para demostrar como se pelexa de verdade…)


Mentres a temperatura ía baixando, a nosa fame e a nosa sede ía en aumento, polo que os nosos anfitrións dirixíronnos ata o Fonte do Rei para amosar o poderío das nosas dentaduras co polbo lugués, navallas, zamburiñas e churrasco. O Mestre Juan lembrounos que non só é magnífico facendo sprints atléticos senón que tamén é quen de facer unha carreira de fondo diante dunha boa churrascada. Toda unha mágoa non terlle feito unha foto ao seu prato… Como as temperaturas seguían indo a menos, dona Mercedes ofreceu roupa para os necesitados: momento ideo para comprobar a calidade da roupa interior dalgún castrexo.

Finalmente, percorremos, como se estivéramos nos caixóns de saídas dunha multitudinaria maratón, as rúas de Lucus para darlle máis liquido aos nosas gorxas. Moreas e moreas de xente. Xa non lembrábamos ningunha manifestación nocturna tan abundante. Lucus Augusti chea de indignados… Por tramos nin se podía camiñar. Rematamos nunha Irish Tavern fermosa, fermosa, fermosa. Que ben viven estes lugueses .

Regresamos ao noso lar, sen facer parada no Tritón para comprobar a certeza da oferta nocturna…, e pendentes do almorzo da mañá seguinte xa que había unha certa tensión por saber se as expectativas alimenticias serían cubertas pola domina Mercedes. Tiñamos que cualificar a residencia de Santa Mariña e o ientaculum almorzo sería o elemento determinante…

Tras unas horas de repouso nos respectivos lecti, erguémonos para comprobar o estado da mesa da cociña: sen palabras. Torradas, mel, varias marmeladas, manteiga, varios tipos de queixo, zumes, froitas frescas en abundancia, biscoitos caseiros (moi bo, Álvaro) e de Vilalba, pavo, xamóns, café… IMPRESIONANTE. Ao dicir de Teresa, “un cinco estrelas plus”.

Tras un almorzo tan xeneroso non quedou máis remedio que tratar de facer un oco no estómago e o xeito que temos por costume e saír a facer algúns quilómetros. O lugar escollido polo cursaris foi o paseo do río Rato. Un total de 9.300 metros nunha hora cun ceo despexado de nubes. Ben é certo que houbo quen non podía soportalo e tivo que sentar no medio da saída (moito estómago e pouca perna) tal é como se pode comprobar nas fotos. Previamente á tirada, o noso Comensal Austero atreveuse a afirmar que pode facer unha seriede mil metros por baixo de catro minutos. O Farmacéutico Veloz apostoulle unha mariscada que só foi aceptada polo Sobrinoff no caso de acadar o obxectivo posto que se non o acada, el non aposta nada (cando alguén do GRUPO se perda…) e é que desde que correu (habería que dicir participou?) na Behovia está dun sobrao…


Ao regresar pasamos preto duns campos deportivos o que permitiu afirmar ao noso Comensal Austero que neses campos dera “días de gloria ao fútbol facendo de catalizador do equipo tal e como demostran as hemerotecas”. Impresionante: DÍAS DE GLORIA… menos mal que non dixo en que categoría xogaba nin a idade dos contrarios… ou serían contrarias?




Mentres algún corríamos, outras se dedicaron a pasear por Santa Mariña, comprobando a fermosura do lugar… ou iso din, posto que cando os atletas regresamos estaban tomando café sen síntomas de esgotamento…

Tras as obrigadas duchas, percorremos de novo, as rúas dos viños e dirixímonos camiñando ata o barrio da Milagrosa para o xantar, con sorpresa incluída. Que tipo de xantar…? Pois non, non acertáchedes, nada de cociña típica, senón manxares de tradición árabe no Mesón do Forno. Na sobremesa, achegouse onda nós, Pepe, demostrando as súas cualidades de mago. Aínda andamos tratando de explicar como carallo averiguou a carta de Teresa, como aparecían as cartas debaixo da botella (de viño, por suposto)… moi divertido e sorprendente.




Foi un fin de semana de marcado carácter histórico cuns anfitrións que lle deron un novo significado á palabra magnanimitas (xenerosidade) e que colocaron o listón demasiado alto mesmo para un club tan atlético coma o noso. MOITAS GRAZAS.

1 comentario:

Julio J dijo...

Este es vergonzoso, menos mal que se ha reconocido de puntillas al inicio de la crónica, ¿habeis analizado las últimas entradas al blog?, todas fiestas, viajes y cuchipanadas. DIMISIÓN de tod@s ya!!!, propongo refundar el club "PADO travel", si te faltan kilos y quieres subir tú nivel de colesterol, somos tu agencia