17/10/11

XIII Media Maratón Vía da Prata



Xa nada é como era. Estamos cambiando e non sei se para mellor...
O pasado fin de semana, dous sobranceiros membros do club participaron na Media Maratón Vía de la Plata en La Bañeza. Na noite anterior tomaron UN viño na praza maior de Astorga. UN. Ceamos pasta con auga e/ou cervexa sen alcohol. Non houbo gin tónic. Que está a pasar? Deixamos de ser como éramos?
De todos os xeitos algo non cambio, O Comensal Austero preferiu almorzar na habitaciónn do hotel (Señoría de los Bazán en Palacios de la Valduerna) antes que deleitarse coa amabilidade de Miriam e do seu suculento almorzo.
Tras recoller ao Comensal Austero en Lugo, pois tivo que aceptar, sen entusiasmo, a invitación de Fernando para gozar do viño e do polbo do san Froilán, viaxamos ata La Bañeza onde retiramos os nosos dorsais así como os de Antonio e do grupo de Bernardo (Noel, Pablo...) Poidemos comprobar o entusiasmo dos voluntarios na organización, case familiar, da proba. Agardamos no hotel por Paloma e Antonio para cear en Astorga.
Tras unha noite tranquila (o único que nos podería despertar en Palacios de Valduerna sería a Santa Compaña), dirixímonos a La Bañeza onde aparcamos ao tempo que Iván Helguera (moito coche, moita parella e moito tempo nesta proba) quen foi alí para preparar a Maratón de Nova York, como Antonio Álvarez. Agardamos polos que chegaban directamente desde A Coruña e preparámonos para gozar doutra media máis.
A proba é rápida posto que as costas non son longas nin moi pronunciadas. Mais non é especialmente fermosa posto que os lugares polos que transcorre non son os máis fermosos desas terras leonesas.
Na meta, auga, chocolate con bizcoito, lentellas e toalla de microfibra e lugar da eterna camiseta. O Cronista tras chegar á meta foi con Bernardo a buscar ao seus protexidos: Antonio e o Comensal Austero. Cando chegaron onde eles, lles quitaron a suor coa toalla e lles ofreceron auga ao tempo que lles daban folgos para facer os dous últimos quilómetros. Entraron fantasticamente: o Antonio controlando as pulsacións e Sobrinoff tan “sobrao” coma sempre.
Na meta tivemos un pequeno (ou grande polo tamaño do copón de 40 cm.) problema. Houbo que gardar pola entrega de premios posto que o Cronista acadou o primeiro posto na categoría de anciáns. Logo ducha e viaxe para degustar un cocido maragato na Casa Pepa (Santa Colomba de Somoza), organizado polo noso anfitrión Bernardo (moitas grazas). No xantar comportámonos coma sempre: dimos conta de todo mesmo da sobremesa (verdade Raúl?) Tras un paseo por Castrillo de Polvazares, iniciamos o regreso a Montrove.
Os resultados, a proba na prensa e procedencia das fotos da carreira.




E mentres tanto... O Triatleta participaba na Carreira da UNICEF de Sada.

9/10/11

V Carreira Popular Coruña 10, 2011

Como ademais de xantar, beber e andar, ás veces (só ás veces) adestramos e participamos en carreiras… o pasado domingo 9 de outubro corremos A Coruña 10. Un dez mil que vaise consolidando grazas á nosa permanente participación.

Inicialmente xuntámonos algúns (O Triatleta, o Comensal Austero e o Cronista) do que da fe a fermosa foto da rúa Xoana de Vega (nome con importante connotación histórica, non si Sobrinoff). Posteriormente apareceu o clandestino de Roberto (sen inscrición mais con camiseta de agasallo e consumo de auga…), tamén vimos ao Frank de Montrove así como a Bernardo. Vamos que ao final éramos unha chea deles. Tamén andiveron por alí un par de fermosas damas acompañadas polo Mestres ciclista.

A carreira foi como todas, O Triatleta pelexándose co ritmo de 4 minutos/quilómetro. O Comensal Austero amosando o dominio do ritmo de 5 minutos/quilómetro ao tempo que adestraba para a Behobia-San Sebastián. O Roberto, sen adestrar pero correndo como sempre. Frank, facendo de mais con chegar á meta (lembrade que… “litros de alcohol corren por mis venas, mujer…”). Bernardo, gardándonos as costas a todos. E o Cronista sufrindo para facer un ritmo de 3,44´´/quilómetro e lembrando que tiña que facer outros 15 quilómetro máis (9º da categoría). A criticar, coma en anos anteriores, a estreitura da saída (así non hai quen corra...)

Foi un día magnífico para tomar o asfalto coruñés, onde puidemos saudar atodo o mundo” das carreiras populares. Esta proba comeza a ser tan participativa como as mellores de Galicia pero cun nivel… alucinante. Chegaron á meta un total de 1970 atletas inscritos.

Das ausencias, que dicir... que agardamos que moi cedo nos acompañen...

Foto da Avda. Mariña vía La Opinión.

4/10/11

Pola Fraga do Eume


Pois non, non e non. Non son certos os rumores de que o noso club abandonou toda práctica atlética. Ben é certo que faltan as crónicas do fin de semana de terror padecido en Carnota (xantares en Louro), da estadía do Presi na capital do Támesis. Mais tamén poderemos argumentar que o noso Triatleta participou no Campionato de España celebrado en Pontevedra e que Pura Vida continua subindo e baixando montañas.

Para desmentir calquera infundado rumor e proposta do Mestre, o pasado domingo fixemos unha anda ida póla beira do rio Eume no medio da espectacular fraga. E non só camiñamos senón que tres parellas decidiron iniciar a súa actividade deportiva saído desde Montrove en moto para chegar á entrada da Fraga tras pasar por Miño e Perbes.

O dia foi fantástico, soleado e caloroso. A andaina da mañá transcorreu sen novidades, tan só a paradiña obrigada polo Mestre no lugar menos axeitado posible para gozar do seu queixo do pais, galletas variadas, auga e bebida isotónica. Ás 13,30 chegamos ao Mosteiro de Caaveiro. O grupo de avanzadiña puido facer unha visita guiada para comprobar o resultado da recén rematada restauración deste monumento declarado Histórico-Artístico en 1975. O segundo grupo foi aos servizos e encargos as cervexas. Xantamos no taberna do mosteiro e gozamos, especialmente, da sobremesa (requeixo con marmelo e mazá e laranxa; torradas ao viño tinto e mel; torta de laranxa e chocolate) Tras os cafés, infusións e dous groliños de licor café e crema de augardente, iniciamos e regreso póla outra beira do rio.



Para rematar a xornada, o xeneral Sobrinoff ordenou dirixirse á praia de Cabanas, de onde non poñeremos fotos por cuestión de prudencia estética. Tras os baños reparadores, dimos por rematada a deportiva xornada.

Verémonos en Coruña A-10.

1/10/11

Ricardo Abad: 500 maratóns en 500 días

Hoxe sábado o ultrafondista Ricardo Abad entrará no Libro Guinness dos Records ao acadar 366 maratóns en outras tantos días dun xeito consecutivo. O seu obxectivo final será facer 500 maratóns en 500 días. Impresionante.


Tiven a sorte de coñecelo no MAPOMA 2009 cando facía o 42 maratóns consecutivos. Aquel día fixera menos de 3 horas.