28/1/12

No Cúrcuma e con Noise Project

Tras duras semanas de lesións e fisios, adestramentos pola ría do Burgo, as primeiras series… o xeneral encargado das actividades lúdicas do club organizou unha espléndida sesión nocturna de recuperación. Esixindo máxima puntualidade, reuniunos no Cúrcuma, na rúa Marconi da Coruña, para deleitarnos co seu menú degustación: completo, variado, saboroso. Fixádemos que ata o Comensal Austero non perdoou a sobremesa…

Media hora de que comezara o concerto, xa estaba a plana maior do club no Mardi Gras da Coruña: O noso organizador encantado de saudar, e ser saudado por outro traballadores e traballadoras da empresa… pero cunha notable diferencia de idade…  Teremos un Peter Pan no club? Creerase alguén que por andar coa xente nova un non avellenta? Canto máis novo sexa o grupo de música a escoitar menos anos teremos?

Sen puntualidade británica deu comezo o concerto de Noise Project, un grupo de Valga con moita experiencia en concurso tal e como podedes ler na Fonoteca. Un grupo que fan da distorsión progresiva, do barullo melancólico a súa guía vital. Destacan pola intensidade e por un rock progresivo e avanzado tal é como se pode apreciar nesta ligazón e nestes dous vídeos.




Un apuntamento final. O concerto rematou cunha peza adicada á Bela Otero, persoa tamén de Valga. Como a información ofrecida no concerto sobre esta apaixoante muller non foi de todo exacta podemos dicir dela que… Agustina Otero Iglesias naceu en 1868, morreu con 96 anos en Niza. Deixou á pobreza da súa familia con tan só trece anos despois de ser violada e cunha pelves rota e estéril para toda a súa vida. En París a súa fermosura e o seu xeito de bailar toleou a máis dun (din que ata se suicidaron sete pretendentes ao non acadar o seu amor). Din que tiña un tipazo de escándalo: pescozo de cisne, cintura de avespa… Foi a española máis famosa en París. Morreu pobre mais… sempre poderemos lembrala ao contemplar as cúpulas do hotel Carlton de Cannes pois afírmase que o arquitecto que as deseñou inspirouse nos peitos desta pontevedresa, a Bela Otero. Por certo, non deades creto a todos os amantes que lle adxudican.

22/1/12

XIV Media maratona Manuela Machado: Viana fica no coraçao


O noso club participou, outra vez, nunha proba fóra do “telón de grelos”. Nesta oportunidade na media de Viana. Foi unha escusa perfecta para baixar ata o país irmán e degustar as súas exquisiteces culinarias (Casa Pasto María de Perrelda), especialmente as súas sobremesas: toda Viana do Castelo está chea de confitarías, tendo coma doce máis sobranceiro as “bolinhas de Berlín” da confeitaría Natario. Creo que Isa, Eva Pepe e un servidor viñemos con algún quilo de máis.  Como non todo ía ser correr, collemos un magnífico hotel con SPA.

Viana do Castelo está, sinxelamente, espectacular. Que envexa. Como coidan o territorio, o urbanismo, o “público”. A organización case perfecta (mágoa de consigna). A bolsa do corredor é moi xenerosa por tan só cinco euros de inscrición (20 na Vig-Bay deste ano). A proba moi fermosa pero non para facer marca.

Como o meu estado físico (semanas con doenzas e poucos entrenos) non era o mellor, decidín ir de menos a máis, coa idea dun adestramento rápido buscando o control do ritmo. 

Fago a saída moi atrás conscientemente. No primeiro quilómetro vou falando con Quique, un amigo de Carnota, e, logo, paseniñamente, aumentado o ritmo. Paso o quilómetro 5 a unha media de 4,30´. Cómodo e contento por saberme controlar. O 10 fágoo en 42,12 (neto)  Desde o segundo quilómetro só me adianta unha persoa no 12. Paso a moitísima xente. A estrada está ateigada de corredores que vou esquivado xente facendo un slálom de moitos quilómetro (eu que gosto tanto de facer sempre unha liña recta buscando o percorrido máis curto...). Desde o 15  fago un ritmo por debaixo de 4 minutos por quilómetro. Entro na meta con forza e á par dun vigués ("ei vigués non te deixes adiantar na meta por un coruñés", dígolle). Sonrimos conxuntamente.

Resultados: Neto 1.25.20 (bruto 1.25.42) no 10 km 42.12. Segunda parte máis rápida. Na xeral de 223 sobre 1.783 e na categoría de 33.

16/1/12

Entrevista en Radio Oleiros


A invitación de Nano García, o Presidente do Club de Atletismo Panadería de Osedo e o Cronista, participaron no programa de Radio Oleiros “Sintonía Deportiva”. Acompañounos Plácido Lizancos, quen fora profesor de Pachuco a quen cualificouno de “pirata” (por que sería?) e de traste.

Se tedes paciencia, e dispoñedes de quince minutos,  podedes escoitar o pod-cast nesta ligazón.

Tratamos de mentir o mínimo posible e de divertinos o máximo posible. A experiencia foi moi agradábel a pesares dos intentos do señor presidente de rebentar a entrevista con alusións persoais (xeneral Sobrinoff, Michu-Michu…) 

Ao rematar, e por non perder o seu tradicional costume, o Presidente invitou aos participantes a un magnifico xantar no restaurante El Refugio que como ben sabedes está moi próximo á emisora.

5/1/12

Calendario 2012

Como todo club que se precie, o noso tamén ten o seu calendario. Ou mellor dito... temos dous, este que vós presentamos publicamente e o privado onde os nosos atletas aparecen lucindo, sen roupa, os seus atléticos corpos. Mais este segundo só será publicado como medio de chantaxe para cando alguén abandone, ou pretenda abandonar, o club. Saúdos e feliz aninovo.


1/1/12

San Silvestre Vallecana, San Silvestre de A Coruña, Hyde Park


Como remata un ano un club de atletismo: correndo.
Como principia un ano un club de atletismo: correndo.


Pois efectivamente, miñas donas e meus señores, no último día de 2011 atletas deste nada profesional club participaron na San Silvestre Vallecana e na San Silvestre de A Coruña.


O noso Farmacéutico Veloz, nun sprint impresionante marchou o 30 a Madrid e colleu o 31 un avión de regreso ás 21 horas do último día do ano. Que fixo na capital? Pois como é tradicional nel participar  na súa carreira fetiche mais, neste ano, cunha importante novidade. Dona Elena non se fiaba de que chegara a tempo á cea do 31 a Oleiros polo que decidiu acompañalo, non fora que con calquera escusa quedara só en Madrid. Ademais, e como era de xustiza, saíu no caixón que o seu historial atlético demostraba.



Mentres, O Comensal Austero, O Cronista, Alberto, Dani, Antonio A., Paloma, Sandra… participaron na San Silvestre de A Coruña. Para algunha foi a súa primeira carreira pero nun territorio moi coñecido (verdade Paloma?) e ademais foi moi ben acompañada por un maratoniano (Antonio A.) e por un proxecto de maratoniano (Raúl). Sandra, puro glamour, vai mellorando na súas marcas e xa ten a tiro baixar das dúas horas na Vig-Bay. O Cronista foi un coñazo e fixo esperar aos amigos á entrega de premios. Resultados.







 
E como principia un club de atletismo un ano? Correndo, diciamos. Pois efectivamente. Pura Vida amosou as dotes de montañeiro no Hyde Park londinense, demostrando que en terreos planos tamén é todo un mestre.


Mentres tanto, atención, O Mestre e a Keniata de Montrove xa están trotando…