16/4/12

Coruña42 e Coruña10: De tres piares a piar e medio


Se lembrades a crónica da Vig-Bay, falárase dos tres piares do club. Tres fornidos atletas que a pesares dos múltiples problemas que atravesa o noso club (probablemente ocasionados pola mala planificación deportiva e a falta de apoio fisioterapeuta) puideron disputar a fermosa proba do sur. 

Nesta ocasión, e a pesar de celebrarse por vez primeira na Coruña unha maratón, acompañado dun dez mil, tan dous dous atletas decidiron inscribirse nestas probas. Un, na maratón, outro, no dez mil. Así non hai club que arrase nas clasificacións… O tempo climatolóxico previsto era horroroso: chuvia e vento frío e forte do norte. Antes da saída, foto conxunto do club (que club?, se tan só eramos dous). Desexámonos sorte e cada un foi ao seu. 

O maratoniano a comprobar que o seu nocello esquerdo non estaba para andar de carallada 42 quilómetros e, apesares de levar un bo ritmo (28 quilómetros en 1.56.11´´) decidiu abandonar, lamentando moito que a súa afección non puidera gozar da súa fenomenal figura no asfalto coruñés. 

O noso diesel por excelencia, o que non lle ten medo ao vento por gozar un tren superior inmellorable, fixo gala do seu dominio da distancia, marcándose un crono que para si quixeran os raparigos que están trotando polas nosas rúas: 49.12´´ 

Mais como non todo (algo?) vai ser correr, decidimos, por conta do noso Farmacéutico Veloz (ah, pero corre?) e da súa letrada esposa, darnos un atracón a base de lombo, chourizo, xamón, paté, queixo, botello, grelos, arroz, patacas, sobremesas caseiras… acompañado dun vermú reserva (reserva? Reservado para nós), Ribera del Duero, fairi, un Ferreira especial, e unha degustación de gins-tonics. 

Pero este merece un comentario propio: 

Non imos falar da abundancia e calidade das bebidas ofrecidas polos anfitrións: diversos tipos de tónicas, diversas calidades (todas elas magníficas) de xenebras, senón que toca falar do barman. Ese ente que non entende a diferencia entre un combinado e unha macedonia; entre un pouco de limón e media corteza. Un ente que afirma gratuitamente a que altura se cultiva a mellor quina… 

Supoño que a vindeira crónica neste blog será de algún evento culinario porque deportivo…