27/8/12

Xornadas en Louro

Coma ben sendo case tradicional, unha sección moi importante do club, trasladouse ata Louro (Muros) para compartir un fin de semana. Climatoloxicamente falando, estivemos no paraíso pois tivemos de todo: algunhas pingas de auga, nubes, vento, sol, calor…

Comezou o venres coa chegada ao punto de destiño: a residencia dos Franciscanos de Louro.

Tras saudar ao cronista e familia, dirixímonos ata o primeiro punto da xuntanza gastronómica-festiva-deportiva: degustación de cervexa no novo miradoiro de Lira. Nesta ocasión dimos boa conta dun dos famosos queixos do Mestre Juan, mais nesta oportunidade sen dificultades orográficas para comelo posto que estivemos sentados ao tempo que tratamos de admirar a posta de sol sobre o cabo Fisterra. Tamén tivemos oportunidade de aprender algo da lingua dos cabalos... Como había algunhas nubes polo medio non  conseguimos ver Fisterra e o sol xuntiños pero puidemos tirar algunhas fotos fermosas do ceo.

A segunda parada, xa na noite, foi achegarnos ata a Parrillada California para amosarlles a Juan e a Ana como se fan as fideuás en Louro: puro marisco con espaguetes. A sobremesa, incluída no menú, (xa sabedes que se non Sobrinoff non o probaría) foi a tortilla romana, postre típico de Muros e de dificultosa elaboración, tal e como se encargou Rogelita de lembrarnos…




Tras a cea, tomamos uns dixestivos no Muíño.

O sábado, tras facernos coas sardiñas correspondestes e a carne para a churrascada do domingo, marcharmos ata Lira, onde poidemos comprobar que o seu longo hórreo (máis ca do Carnota) mide exactamente cincuenta pasos de Sobrinoff (haberá algo moi longo ou alguén moi curto?).

Ademais constatamos a obsesión dalgún membro do club polo gusto polo alleo, ben sexa limóns para gin-tónics, ben sexan mazáns para constatar o seu grao de acidez.
 
Logo fomos comprobar o final dunha etapa da Volta: Miradoiro do Ézaro: desembocadura do Xalla e o cabo Fisterra. Gustáronnos as vistas e compadecemos aos ciclistas.

Despois descubrimos uns dos secretos desta costa: o porto e a praia de Quilmas. Un lugar idílico.


Cando regresamos a Louro, a perfecta cociñeira (descoñecemos o número das súas estrelas Michelin) xa nos tiña preparado o aperitivo (para que describilo polo miúdo… só dicir que comezaba con vermú reserva Izaguirre).


E mentres uns andaban co aperitivo outros prepararon a sardiñada que comezou tras dar boa conta das empanadas (como estaba a de calamares…), postres, licores pero sobre todo, toda unha lección na elaboración de gins-tónics. Dúas xenebras galegas (Platu e Nordés), uns oito tipos de tónicas, lima, limón, laranxa… e as mestras mans do director de “Muy Interesante”, “Historia y Vida”, “Descubrir el arte”, “Runners”, etc…..

 E da mesa directamente á praia, a traballar sobre a area, mesmo conseguindo que as criaturas próximas se alonxaran voluntariamente ao asustarse dos ronquidos que o noso grupo producía.

Tras un cambios de plans xa en ruta para Noia, paramos en O Freixo a degustar unhas ostras, pementos, calamares e berberechos. Rematamos o día, quero dicir a noite, en Muros.

O domingo: varias opcións. Camiñantes ata Muros, paseantes por san Francisco e trote por Monte Louro. Outro segredo persoal ao carallo: xa coñecen a miña ruta preferida.


 Logo, a Praia, onde os visitantes quedaron abraiados polo do domino do noso club da técnica do piragüismo: case coma David Cal e Teresa Portela.
(Mellor amosar esta foto e non calquera outro documento gráfico que recolla a depurada técnica destes piragüistas)

E despois o de sempre, aperitivos, sopa fría melón, gazpacho de sandía, churrascada, sobremesa, e gins-tónics. Non quero estenderme en demasía na controversia acontecida na mesa sobre os quilos máximos dos xabaríns nin sobre as formas dos seus restos orgánicos. Tan só deixar constancia dun elemento gráfico.
Esta foto procede do blog Natruraleza Viva Almeriense y se anota que es "Excremento de Jabalí (Sus scofra). Plastas circulares de 4-5 cm de diámetro que se agrupan en forma de morcilla".

Deste xeito tan escatolóxico rematamos a fin de semana e case sen lembranos dos ausentes...