Coa escusa de asistir ao concerto de KEANE en Vigo (crónica na Voz) e mentres varios membros do club estaban concentrados preparando o triatlón de Oleiros, a sección golfa da Panadería d´Osedo pasou a fin de semana en Vigo e arredores. Como todo non ía ser música e gin tonics, achegámonos ata Cangas para admirar a ría de Aldán, o cabo Home e o castro e santuario galaico romano de Borebreus. O conxunto parroquial de santo André de Hío está situado na incomparable ría de Aldán, na vertente noroeste da pontevedresa península do Morrazo. Este conxunto está formado pola igrexa, o cruceiro e a casa reitoral. É un conxunto impresionante nun contorno de beleza impactante. Dos tres elementos, o máis salientable é o teatral e barroco cruceiro. Labrado en 1872, e practicamente todo nun único bloque de granito, o seu autor foi, probablemente, Xosé Cerviño Cerviño, coñecido como Pepe da Pena aínda que tamén hai quen afirma que en realidade foi Ignacio Cerviño Quinteiro. Ubicado sobre unha escaleira de tres chanzos octogonais, representa os momentos máis salientables, desde unha visión cristiá da vida, do home: da creación á redención pola morte de Cristo.
Na parte superior está representado o descravamento da cruz de Cristo por Xosé de Arimatea e Nicodemo que levan o corpo ata san Xoán, a Virxe e María Magdalena. Esta escena, o Calvario, está representada sobre unha ménsula, a xeito de monte, que se apoia en catro anxos.
Continuando o descenso polo circular fuste vemos un arcanxo pisando unha serpente e outro arcanxo recollendo a un neniño. Debaixo a Virxe tamén pisando a outro animal que representa ao demo E, finalmente, Adán e Eva que tras ser expulsados do paraíso, cobren os seus sexos.
A basa ábrese polos catro lados representando ás ánimas do purgatorio, a Cristo resucitado, a Adán e a Eva.
Pola súa banda, a igrexa de santo Andrés amosa varios estilo arquitectónicos, correspondentes a distintos momentos da súa edificación ou reforma. Ten unha estrutura románica de planta de cruz latina, potentes contrafortes, entrada con porta abucinada con arquivoltas de medio punto, capiteis de decoración vexetal, tímpano co anagrama de Cristo e interesante colección de canzorros baixo a cornixa. No interior, a cuberta de bóvedas gótica de aresta e casetóns barrocos sobre a capela maior e o cruceiro. Conta cun espléndido reloxio solar. É a única igrexa de Galicia que ten unha representación feminina do demo (unha dema)
A vivenda do párroco é un conxunto habitacional típico dos pazos rurais galegos: vivenda, pombal, fonte... Espectacular.
1 comentario:
Ahora somos más cultos (o menos incultos,según como se mire)gracias a nuestro catedrático de cabecera ; estamos más morenos y nuestros conocimientos gintonísticos han aumentado cosiderablemente. Y eso que íbamos a un concierto de uno de los grupos revelación del pop inglés (esto me lo sopló mi hija)
Publicar un comentario