19/12/16
Senda de Cerqueiros- Miradoiro da Carbueira. Monfero
10/12/16
De Malpica a Barizo, sen baño
4/10/11
Pola Fraga do Eume
22/5/11
Andaina polo Mandeo cun home de pouca fe
Deste xeito, o Mestre buscouse dous acompañantes para camiñar ao longo do Mandeo. Temperatura ideal (a Keniata co seu corta-ventos), mochilas ao lombo (como pesará tanto a do Mestre…) e iniciamos o percorrido ás 10.00. A nosa Keniata diante, impoñendo un forte ritmo, especialmente nas escasas costas, o experto-Mestre no medio e o cronista-fotógrafo detrás.
Chegado o momento de beber un grolo (que diría Roberto se isto fose a andaina de Allariz) o Mestre decátase da ausencia dun complemento xa vital da súa existencia. A pesar da importancia do mesmo, teimosamente insistiu en querer continuar a ruta prevista (subida, subida, subida). É tan cabezón como o presidente voluble á hora de modificar os criterios para a elaboración da Xunta Directiva do Club. Finalmente aceptou a nosa decisión de regresar en busca do obxecto perdido: tarefa de escasas posibilidades de éxito, especialmente coa pouca fe, ou convicción, que lle puña o causante da variación do programado.
Tras unha hora de lento camiñar, atopouse o obxecto perdido. Incrible. Desde entón, aumentamos fortemente o ritmo da camiñata, chegando a Betanzos ás 13.30. Fermoso día, fermosa andaina.
Deixamos unha fotos da beira do Mandeo, para relaxarse e gozar.
3/9/09
Subida ao Monte Pindo
Consideracións previas:
Con vento moi duro do nordeste (que diría aquel ministro innomeable), faltando os dous andaríns do grupo: o Mestre e Pura Vida e saíndo media hora máis tarde do previsto...
Feitos:
Ás 10.07 minutos do pasado domingo 30 de setembro, seis membros e mebras do club iniciamos a subida ao mítico Monte Pindo (Red Natura 2000).
Existían tres posibles hipóteses para ver ao Comensal Austero poñerse diante do grupo na subida: intención de marcar o seu característico ritmo de diesel incansable e constante dos seus entrenos correndo, tratar de desfondar ao grupo, ou subir ata rebentar. Efectivamente, querido lector ou lectora, a terceira hipótese foi a correcta. Media hora dando caña ata que non puido máis.
Pero a continuación deixámoslle coller a dianteira ao noso Triatleta, caracterizado pola súa forza e non pola súa boa visión nin capacidade de orientación (lembrade a Andaina de Allariz e o tempo que nos fixo perder). E, como non, tamén fixo varios intentos para perdernos polo camiño.
A Keniata de Montrove coma sempre, ao seu, a subir, subir, subir. Tan só de cando en vez botaba en falta ao Mestre (“como lle gustaría a el esta subida…”)
Que dicir de dona Teresa. Todo un espectáculo… nos seus nocellos: que se os torzo para a dereita,que se os torzo para a esquerda, que se me resbalo un pouquiño por aquí ou por alá. Pura fantasía, pura elasticidade. Tamén se lembraba do Mestre e do pouco que a el lle gusta ir e voltar a un lugar polo mesmo recorrido. Seguro que lle encantaría facer unha “ampliación” ou unha variante” ao Pindo.
A cola de pelotón foi case sempre o reporteiro gráfico. O pobre non daba feito, non sabía se camiñar o fotografar, mesmo chegou a separarse, temporalmente, da súa dona. Máis vale unha boa foto que unha boa compaña (debía pensar)
Ás 11.27 fixemos cume na Moa. (641 m.) Fotografías. Bebidas isotónicas. O forte nordeste case non nos deixa gozar das espectaculares vistas sobre Fisterra, Carnota, o Ézaro ou Paxareiras. Que espectáculo.
Tras unha hora e dez minutos completamos o descenso. Pera nos deron as persoas que ían subindo a pesar do forte sol (moito nos preguntaron canto faltaba para o ascensor…)
Remate:
Ao chegar ao vehículo atopámonos cunha advertencia escrita dun ser cheo de envexa por non poder camiñar (disque que ten unha fascite plantar, cando en realidade o que ten é medo ás alturas, medo de non seguir o ritmo do grupo, medo ao non estar ao seu nivel). A advertencia… pura maledicencia. Nin caso. Polo tanto non será reproducida pero será gardada no arquivo histórico documental do Club.
Rematamos a maña descansando na praia de san Francisco e xantando churrasco acompañando de un tal “Ribera del Duero” e dunha pequena colección de sobremesas (mesmo o ex-Comensal Austero estivo tan educado que probou case todos…)
15/5/09
Preparándonos para Allariz: Chanteiro
· inicio domingo a las 9 horas en Montrove.
· fin de la etapa: birras en Mugardos con pulpo a la mugardesa y pimientos de Padrón.
Y vaya tardecita , después de nuestra soleada caminata.
16/6/08
O Val de Loureda e subida a santa Leocadia
27/5/07
X Andaina Vila de Allariz. 50 quilómetros en 12 horas
Con ameza de chuvia, temperatura non superior aos 19 graos, unha alta humidade e todo un mundo por subir e baixar, estes ultrafondistas tamén arrasaron na Andaina.
A pesar dos consellos do Comensal Austero (levou aos nosos participantes a unha abundantísima cea chea de graxas e proteínas, regadas con abundante viño e ramatada con gintonics...), do pouco que se durmiu no hotel, almorzaron puntualmente ás 7,15.
Posteriormente e coa vestimenta axeitada, iniciaron a camiñata. No primeiro quilómetro formaron os dous grupos previstos: os veteranos do grupo, o Mestre (hai que rendirlle pleitesía por ter superadas as seis participacións) e o Comensal Austero co seu impresionante báculo, paseniño paseniño, dominaron a clasificación dos camiñantes (cruzaron a meta ás oito horas e nos postos 90 e 91).
O grupo de tolos (e unha tola) que pretendían facer os 50 quilómetros correndo, foron deixando escapar a grupos de inexpertos participantes (habería tempo de darlles caza) ao tempo que collían unha marcheta lenta pero constante. A primeira etapa, isa na que para empezar habería que subir e subir e logo subir e subir, (16 q.) fixérona en 1 hora e 43 minutos, a pesar da caida do exmaratoniano; a segunda (22 q.) rematárona en 2 horas e 47 minutos, coa parada incluída do avituallamento e o descolge do Camiñante de Melide (“parade oh, que isto é unha costa”, “parade, oh, que quero beber un grolo”); e a terceira de 12 q., onde a Keniata de Montrove amosou a súa fortaleza mental e guiados polo Sendeirista de Bastiagueiro (o servizo de guía do Triatleta foi rexeitado despois de equivocar a ruta nun par de ocasións), en 1 hora e 17 minutos. Tempo total 5 horas, 47 minutos e 36 segundos. Chegaron á meta nos postos 8, 9, 10 e 11 sobre un total de 800 inscritos. ¡Sen comentarios!
Só 40 minutos despois, entraría na meta o Camiñante de Melide, tras facer máis da metade da proba en solitario e mellorando a súa anterior marca en case dúas horas. Impresionante.
REFLEXIÓN FINAL: E AGORA QUE?
28/4/07
28/3/07
O prazo de inscrición comeza o 2 de maio. Lembrade que só hai oitencentas prazas.
Debemos enviar a documentación xa o 2 de maio.