Javier Gómez Noya proclamouse onte subcampión do Mundo de tríatlon, tras finalizar na segunda praza na proba estrela do circuíto, en Gold Coast (Australia). O ferrolán terminou seis segundos por detrás do británico Alistair Brownlee, que certificou o seu dominio durante toda esta tempada, na que sumou cinco triunfos (Madrid, Wáshington, Kitzbühel, Londres e Gold Coast).
Gómez Noya e Brownlee protagonizaron un bonito man a man en Gold Coast, ata que o británico quedou só nos últimos metros da carreira a pé. O alemán Maik Petzold, cuarto onte, cólgase a medalla de bronce do Campionato do Mundo, que incluíu un circuíto de oito carreiras.
A carreira de Gold Coast convértese, por tempos, na máis rápida da historia do tríatlon. Brownlee gañou cun rexistro dunha hora, 44 minutos e 51 segundos. O último dez mil a pé cubriuno en 29.04, polo 29.17 do ferrolán.
Nas tres últimas tempadas, Gómez Noya, de 26 anos, suma dous subcampeonatos mundiais (en Hamburgo 2007 e Gold Coast 2009) e un título (Vancouver 2008). Ademais, nesta campaña colgouse a medalla de ouro do Europeo de Holanda.
Mellor marca no 10.000
O ferrolán necesitaba gañar e que o inglés non finalizase entre os 5 primeiros en Australia. «Habendo batido a miña marca persoal nos 10.000 metros (29.17.) e tras facer todo o que estaba nas miñas mans para gañar, só quédame felicitar a Alistair Brownlee», declarou Javier Gómez Noya, «Foi a carreira máis rápida da historia do tríatlon. Con isto está todo dito. Brownlee e eu voamos a pé, pero parece que Alistair ía en patíns», chanceou.
O deportista ferrolán pechará a tempada a próxima semana, cando compita no Campionato de España, que se disputará en Cangas. «Aínda teño marxe de mellora. No 2009 progresei en natación e en ciclismo, pero para seguir sendo competitivo aínda hai que mellorar máis a pé», engadiu.
Texto e foto vía La Voz de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario