12/9/10

Javi Gómez Noya,campión do mundo

O galego Javier Gómez Noya logrou hoxe, sábado, o seu segundo título mundial de tríatlon, o primeiro no novo formato por etapas, logo de acabar segundo en Budapest, onde gañou o inglés Alistair Brownlee e onde 'rebentou' o alemán Jan Frodeno, que entrou líder en Hungría e só puido acabar o 41.
Gómez Noya efectuou unha nova exhibición e só cedeu o triunfo parcial a Brownlee -a quen sucede no historial da competición- nunha proba que se decidiu na carreira a pé, que foi a que acabou dándolle a volta enteira á segunda edición das «Dextro Energy World Series».
Javi, que gañara o último Mundial que se disputou nun só día, hai dous anos, na localidade canadense de Vancouver, gañou un novo título no último suspiro dun campionato no que se perdeu por lesión a primeira proba (en Sydney), debutou na segunda, en Seúl; comezou a rodar co cuarto posto de Madrid e 'enchufó' a directa a partir da cuarta proba, ao gañar en Hamburgo o pasado 17 de xullo.
Ese día, o home de ferro do deporte español deulle o golpe psicolóxico ao certame, derrotando na súa casa ao alemán Jan Frodeno, campión olímpico en Pequín e que aspiraba a converterse hoxe no primeiro triatleta en unir os dous grandes títulos.
Seis días despois, o ferrolán de Basilea volvía exhibirse, esta vez en Londres, onde dentro de dous anos optará de novo a un título olímpico que se lle escapou en China , onde «só» puido ser cuarto. Gómez Noya gañou ese día en casa de Brownlee, que entrou 'KO' na meta de Hyde Park e pechou a súa axuste de contas deportivas co outro deportista que ostentaba un dos títulos que, por méritos propios, reclamaba.
Tras marcar por terceira vez consecutiva o mellor parcial na carreira a pé, o campión galego acabou segundo en Kitzbuehel (Austria), onde gañou o británico Stuart Hayes grazas a un órdago estratéxico no ciclismo. Estaba claro quen se converteu no gran dominador do torneo. Pero quedaba un ultimo obstáculo: o sistema de puntuación.
Para o resultado final sumaban catro resultados, máis o da Gran Final de hoxe, pero non máis de tres podían haberse obtido no mesmo continente. Como queira que Gómez Noya non puido estar ao seu nivel nas probas de Oceanía e Asia, debía borrar unha das europeas e 'cambiala' polo duodécimo posto de Seúl, onde lograra o seu único triunfo do ano Frodeno.
Así que Javi debía saír a gañar e tirar de calculadora despois.
Debía render a lume de biqueira en Budapest e esperar un fallo do alemán, a quen lle valía ser terceiro para gañar o Mundial.
Se Gómez Noya era segundo, Frodeno tiña que ser quinto. E se o de Ferrol acababa terceiro, o xermano non podía pasar de sétimo.
Frodeno fallou. Gómez Noya, non. Javi non falla case nunca.

Fotos e texto completo da reportaxe na Voz de Galicia.

No hay comentarios: