Tras unha noite de vento e chuvia, case todo o equipo desprazouse ata Santiago para participar na XXXIII edición da Pedestre (seguimos notando moito a ausencia do Mestre). Se o tempo invitaba a ficar na casa, a nova equipación do club, financiada coa contabilidade B manexada polo Presidente e polo seu asesor fiscal, o señor Tesoureiro, era un enorme aliciente para lucila na carreira máis populosa de Galicia: camisetas brancas con tiras azuis e forro polar tamén en tons azuis. Como se pode comprobar na seguinte fotografía parecíamos os papás e as mamás dos pitufos.
A proba foi pasada por auga. A organización agasallounos coa costa de san Francisco (e que Vite é pouca cousa…) e algún centos de metros máis que en edicións anteriores. Corremos como sempre e quedamos como nunca. RESULTADOS.
O xantar foi en Casa Ana (excelente elección Álvaro) e compartímolo co señor Presidente (gran oportunidade para pasear o Osedo Force One ata Santiago) e as súas dúas, espléndidas e fermosas, damas acompañantes. Durante o xantar, o señor Tesoureiro (tamén coñecido como o Comensal Austero) informounos dos avances técnicos, mediante dispositivos de almacenaxe de memoria conectados a un porto USB dun ordenador, e que van incorporados a próteses (pernas, ollos…) Ficamos abraiados polos seus coñecementos científicos e desexando adquirir, e programar en modo carreira, ese tipo de próteses para as nosas extremidades inferiores. Hai quen chegou dicir que ten un cerebro tan grande que dificilmente lle colle no cráneo.
1 comentario:
Que dura la vuelta a las carreras, Juan vuelve pronto!!!!!
Publicar un comentario