23/4/09

Novo libro de cabeceira


Unha amiga moi especial vén de agasallarme con este libro dun famoso escritor xaponés: Haruki Marakami. Do que estou a falar cando falo de correr. 2009, Galaxia.

Como o o título é dabondo expresivo sobre cal é o seu contido, vou citar tres parágrafos do mesmo

Non é que non teña espírito de competición. Mais, non sei por que nunca me importou o feito de gañar ou perder contra alguén. Esa tendencia miña non mudou case nada cando me tornei adulto. Non me importa moito gañar ou perder fronte a alguén, en calquera asunto. Non entanto, o meu interese céntrase máis en se podo superar ou non os obxectivos que establezo para min mesmo. Visto deste xeito, as carreiras de fondo son un deporte que se axusta perfectamente á miña mentalidade.

Lembras querida amiga algún comentario teu na Estación de Cambre?
Eu non son competitivo. Non somos competitivos. Só queremos mellorar.


Se corredes un maratón enteiro, decatarédesvos de que para correr non é tan importante gañar ou perder contra alguén na carreira. Evidentemente, superar o rival que está diante tórnase nun asunto primordial para os corredores que van en cabeza e que aspiran a conseguir a vitoria, mais para os corredores comúns da cidadanía o feito persoal de gañar ou perder non é unha cuestión importante. Talvez haxa alguén que teña unha motivación especial, como “non quero perder contra ese”, que pode servir de estímulo para o adestramento. Mais no caso de que ese rival determinado non poida participar na carreira por algunha razón, a motivación desaparece (ou redúcese á metade) como resultado, e daquela non se poderá continuar moito tempo como corredor.

A maioría dos corredores medios afronta a carreira establecendo unha meta persoal de antemán; por exemplo: “hoxe fareino neste tempo”. Se conseguen correr nese tempo, el/ela lograrán algo, e no caso de non o superar, non lograrán ese algo. Aínda que non poidan cumprir co tempo, haberá unha satisfacción porque fixeron todo o que puideron, e o logro talvez non sexa chegar a sentir unha resposta positiva que se conservará para a próxima carreira, ou calquera especie de gran descuberta. Dito doutra maneira, o criterio máis importante para un corredor de fondo é se sente ou non orgulloso de si mesmo ao rematar a carreira (ou tal vez algo semellante ao orgullo)

Quen isto escribe leva case trinta maratóns rematados (a un tempo medio de 3,30, moitos triatlóns e algunha proba de cen quilómetros en pouco menos de 11 horas)

Por certo aínda non está traducido ao castelán, pero podedes ler a versión orixinal Hasbiru koto ni tsuite kataru toki ni boku no kataru koto ou ben a inglesa “What i talk about when i talk about running”. Un bo libro para ler na viaxe ao Maratón de Madrid.


GRAZAS LOLY

No hay comentarios: